Thursday 16 de May de 2024

O alcalde presenta as primeiras aplicacións do proxecto Coruña Smart City como a “ágora virtual do século XXI”


Carlos Negreira asegura que o proxecto de cidade intelixente é fundamental para dar resposta ás novas necesidades dos cidadáns e os emprendedores

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, destacou o aspecto “revolucionario” e o papel fundamental do proxecto Coruña Smart City para dar resposta ás necesidades dos cidadáns e os emprendedores do século XXI durante a presentación das primeiros proxectos pilotos e as súas aplicacións para os cidadáns. O acto, que se celebrou na Ágora e ao que asistiron máis de 500 persoas, serviu para explicar o funcionamento dos servizos que Coruña Smart City ofrece xa dende hoxe aos coruñeses: o portal smart.coruna.es, con información dinámica e xeral sobre a cidade; o portal Open Data, con miles de datos sobre A Coruña; a sede electrónica e dúas aplicacións móbiles de eventos e visitas guiadas.
Durante a súa intervención, o alcalde definiu o proxecto de Coruña Smart City como a “ágora virtual do século XXI”, e invitou a todos os coruñeses a participar nos proxectos en marcha: “Todos podemos axudar a facer cidade”. Negreira recordou o camiño andado dende que se empezou a deseñar Coruña Smart City hai catro anos: “Recordo aquel maio de 2011, nunha reunión con xente do ámbito tecnolóxico, cando empezamos a falar de Smart City. Parecíanos case ciencia ficción”, manifestou, ao tempo que engadiu que Coruña Smart City era e é “un proxecto novo que abriu camiños e derrubou muros”, e que, a diferenza doutros proxectos smart, permitiu crear un “gran cerebro, capaz de integrar todos os sentidos”.
O alcalde defendeu a necesidade de impulsar o proxecto de cidade intelixente porque na actualidade as administracións “non” poden ofrecer unha xestión fragmentada”. “Este salto cuantitativo das cavernas ao foro global era un salto absolutamente necesario para esta cidade”, engadiu, ao tempo que asegurou que os cidadáns do século XXI viven “cambios acelerados”, fronte aos que a cidade non debía “virar as costas e quedar anquilosada”. “Cuns cidadáns máis esixentes non podiamos ter unha administración anticuada e que non daba resposta ás súas necesidades”, asegurou. Ademais, para Carlos Negreira, a posta en marcha de Coruña Smart City é algo “absolutamente necesario para os emprendedores e as empresas”. “O que hoxe se puxo en marcha é un colector que nos vai ofrecer infinitas posibilidades para o futuro e camiñar neste terreo é fundamental para o progreso”, engadiu.
O alcalde incidiu na importancia de Coruña Smart City como un novo modelo de xestión, e na importancia de ter unha estratexia urbana de cara á nova convocatoria de fondos europeos: “Poucas cidades están a afrontar este proxecto; este instrumento que hoxe presentamos xustamente vainos axudar a facer global o noso posicionamento de cidade”. Ademais, subliñou que, grazas ao proxecto Coruña Smart City, a cidade é “hoxe un socio querido e desexado no ámbito de España e Europa”.
Negreira agradeceu o traballo realizado polas máis de 60 empresas que traballan en Coruña Smart City, e incidiu en que as aplicacións que se acaban de presentar son só unha parte do proxecto de cidade intelixente, que se irá completando ao longo das próximas semanas con novos servizos e aplicacións. O acto que se celebrou na Ágora estivo presentado por Javier Veiga, e as explicacións dos pilotos correron a cargo dos técnicos do proxecto Óscar Sacristán,José María Ares, Diego Souto, Javier Coira, Alejandra González e Miguel Montesinos.

En concreto, as aplicacións e servizos que están en funcionamento dende hoxe son:
– – O portal Coruña Smart City, smart.coruna.es, onde se mostra información útil, dinámica e en tempo real ao cidadán. O portal ofrece un deseño novidoso e o usuario pode obter datosgeoposicionados. Por exemplo, na portada poderá encontrar información sobre as gasolineiras máis próximas e o prezo dos combustibles, as estacións de Bicicoruña, datos do encoro de Cecebre, as farmacias de garda, o estado do tráfico ou as obras da cidade. Tamén poderán visualizar toda esta información sobre mapas en tres dimensións.
– Unha aplicación móbil con toda a axencia cultural e de ocio da cidade. Trátase da primeira versión desta ferramenta, que irá incorporando máis servizos e novidades ao longo das próximas semanas. Polo momento, está dispoñible para dispositivos Android. A aplicación permite facer buscas por tipo de evento, data ou lugar de celebración. Unha das súas vantaxes é que se trata dunha ferramenta intuitiva, que aprende dos gustos e preferencias dos usuarios para mostrar na pantalla inicial, e de forma destacada, os eventos segundo as preferencias deste. Ademais, pódense ver os eventos geolocalizados, obter información detallada de cada un deles ou acceder aos servizos de compra de entradas.
– Os coruñeses e todos os turistas tamén poderán descargarse dende hoxe a versión Android da aplicación móbil con visitas guiadas con realidade aumentada. É un dos servizos deste proxecto piloto que, ademais, tamén ofrecerá unha web na que se poderán consultar rutas turísticas pola cidade, deseñar itinerarios personalizados e valorar e compartir opinións sobre estas visitas. Ofrécense tanto rutas polo exterior da Coruña como polo interior dos seus museos. Ademais, os usuarios poderán crear as súas propias rutas, subilas á web e compartilas con outras persoas. A aplicación avisará o usuario cando estea preto dun punto geolocalizado.
– O portal Open Data, dispoñible dende hoxe con información de libre acceso e uso para todos os cidadáns, con máis de 130 fontes de datos de diversas tipoloxías, incluíndo referencias xeográficas, demográficas, urbanísticas e sociolóxicas da cidade, como datos de poboación ou o plan xeral. O obxectivo desta ferramenta é que os emprendedores poidan facer uso destes datos para o desenvolvemento de novas aplicacións e servizos innovadores. O catálogo de datos irase incrementando con fontes de datos de forma continuada. Pódese acceder ao novo portal a través da web de Coruña Smart City.
– Dende hoxe tamén estará dispoñible a sede electrónica do Concello sede.coruna.gob.es, que forma parte do piloto de administración electrónica. A sede arranca con 12 trámites, que se irán ampliando nas próximas semanas ata superar os 60. A través deste portal poderase solicitar a tarxeta Millenium por vía telemática, presentar alegacións a expedientes, solicitar volantes e certificados de empadroamento, realizar reclamacións e suxestións ou acceder á carpeta tributaria, onde se poderán realizar pagamentos de facturas ou recibos. O usuario tamén dispoñerá dun calendario tributario personalizado. Para poder facer uso da sede electrónica hai que solicitar antes o certificado dixital na web https://www.sede.fnmt.gob.es/certificados. Nesta páxina a persoa obterá unha clave que deberá validar despois, en persoa, no Rexistro Municipal ou nunha oficina da Administración Xeral do Estado.
A partir de aí, poderá realizar todos os trámites dispoñibles na sede electrónica, dende a súa casa as 24 horas do día, 365 días ao ano.
O proxecto Coruña Smart City, iniciativa do Concello da Coruña eEmalcsa como solicitante, conseguiu, coa súa novidosa proposta, un cofinanciamento dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases,
a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra
e R, consistiu no deseño e puxo en marcha da plataforma tecnolóxica, á que se chama o cerebro da cidade, e a execución de 14 proxectos piloto.
Dende a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mejor iniciativa dunha administración por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Lintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español; ou máis recentemente, Mención de Honra á mellor Compra Pública Innovadora 2014 por parte da Comisión Europea que recoñece os procesos de contratación e compra de servizos e produtos máis innovadores de Europa. A Coruña tamén foi seleccionada, entre máis de 300 candidatas, como unha das 6 finalistas ao premio á mellor cidade intelixente da Smart City Expo World Congress de Barcelona 2014.